ENCE: non dar por imposible algo que non se iniciou

Na campaña na que os socialistas alcanzamos a presidencia da Xunta, ano 2005, o PSdeG-PSOE resumiu a súa posición con esta frase: “Ence si, pero non aí”. Neses anos, intentouse lograr un acordo coa empresa en base á enerxía eólica, operación que, por desgraza, frustrouse. Naquel momento as contas saíanlle á empresa, que non facía ningún noxo a tal formulación. E, por certo, son testemuña directa de como o presidente, preocupado polo desenvolvemento de la comarca e polo emprego, indicáballe ao seu conselleiro de Traballo, que era preciso promover un Plan de Industrialización que acompañase esa negociación.

Xa anteriormente, nas municipais de 1995, os socialistas pontevedreses falabamos do Horizonte 2018, manifestándonos en contra do PECHE XA!, e a favor de entablar negociacións con ENCE para o seu cambio de ubicación.

No ano 2009, o Partido Popular gañaba as eleccións por maioría absoluta e Núñez Feijóo alzábase coa presidencia de la Xunta. Con respecto a ENCE, abandonouse todo atisbo de negociación e deixáronse pasar os anos non sen que a postura do Partido Popular deixase de depararnos sorpresas.

A chegada de Telmo Martín como candidato á alcaldía de Pontevedra tivo como consecuencia que o PP mudase a súa postura sobre ENCE e se decantara polo traslado da empresa a unha nova ubicación no municipio. Do mesmo xeito, tamén o Grupo Popular no Hórreo, co voto tamén a favor de Núñez Feijóo, pronunciábase polo traslado de ENCE en votación unánime do conxunto da cámara galega. Votación unánime que tamén se dera no Pleno do concello pontevedrés.

O tempo pasaba e o goberno de Feijóo en ningún momento deu mostras de pretender abrir unha mesa de negociación coa empresa. Simplemente non se facía nada. Sospeitosa forma de actuar e incoherencia total respecto do mandato do Parlamento de Galicia. Finalmente, por razóns que están na mente de todos -unhas serán certas e outras probablemente tamén- Mariano Rajoy ao fronte dun goberno en funcións, daba un golpe de timón concedendo a ENCE unha prórroga de 60 anos.

Eses 60 anos de concesión, ata o ano 2073, foron una gran lousa caída sobre una gran maioría de pontevedreses que pretendiamos ver algún día una ría sen ENCE. Tamén, por certo, unha sorpresa enorme para altos responsables do Partido Popular que -permítanme gardar a confidencialidade- directamente confesábanme non entender a necesidade dunha prórroga de tamaña duración e que, aínda entendendo que a crise esixía una defensa férrea do emprego, non vían xustificado unha marxe tan ampla de tempo.

Dende o grupo socialista argumentamos que nin podía xustificarse a urxencia da concesión, nin que a mesma puidese facerse dende un goberno en funcións. Pero o PP de Mariano Rajoy impuxo o rodillo da súa maioría absoluta. Por suposto, de negociacións coa empresa para posibilitar un cambio de ubicación en base a ese aumento da concesión nada que falar. O “agasallo” de Rajoy foi a cambio de nada. Aqueles que compraron unha empresa a un prezo calculado en base á súa caducidade no ano 2018, atopáronse con 60 anos máis de produción que, estimando os actuais beneficios (máis de 50 millóns anuais) significan 3.000 millóns de euros libres de po e palla.

A partir de aí sucedéronse os recursos de varias entidades e tamén do concello de Pontevedra. Os procesos xudiciais son lentos, pero inexorables, e a Abogacía do Estado estimou que procedía allanarse ante os argumentos presentados nos citados recursos. En resumo, que a concesión outorgada excedía os 75 anos máximos que a lei permite. A concesión a ENCE data do ano 1958, sumados 75 anos, o límite máximo sería o ano 2033 e non o 2073.

Hai quen pretenden entender que a Abogacía do Estado é un órgano ao servizo do goberno que toca, pero tal argumentación non se sustenta. Quen vexa o primeiro informe da Abogacía do Estado, o de Rajoy, verán que carece de argumentación xurídica e pouco máis era que un relatorio dos pasos dados na solicitude da concesión, non sucede así co actual que, ante os recursos presentados, tivo que aportar abundante argumentación xurídica para expresar a súa conclusión final.

A pelota está no tellado da Xustiza. Un proceso que, cos recursos que sen dúbida se darán, presúmese longo. Non sabemos cal será a solución final, pero si estamos firmes na postura que os socialistas mantemos sobre esta cuestión:

1.- Que entendemos que a riqueza forestal de Galicia é un vector económico de gran importancia e que debe seguilo sendo coa implementación dun Plan Forestal de Galicia que optimice todos os seus recursos.

2.- Que apostamos pola presenza de ENCE en Galicia como un gran activo industrial que débese complementar coa instalación de novas empresas que permitan pechar o ciclo do papel.

3.- Que é necesario abrir negociacións entre a Xunta, o concello e o goberno central con ENCE para poder conciliar a presenza da pastera nunha nova ubicación na comarca de Pontevedra que permita conxugar a presenza industrial da empresa coa riqueza medioambiental da ría de Pontevedra e da súa contorna. Non me resisto a indicar aquí que en reunións mantidas coa empresa non fai demasiado tempo, na nosa cidade, manifestábanse abertos a debater esta cuestión (logo, públicamente, sempre sinalan que é imposible e que se van).

En canto á postura dos traballadores, non é nada difícil poñerse no seu papel ante o que ven como incerteza dos seus postos de traballos. No seu caso todos adoptariamos unha posición similar, aínda que boto de menos que non insten tamén á empresa a sentarse nunha mesa negociadora. E somos tamén conscientes de que a nosa proposta non é un proceso fácil, que será un proceso complexo, pero non se pode dar como imposible algo que nin sequera se iniciou. E contamos con marxe de tempo suficiente para poder poñernos á tarefa.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.