Incendios forestais: Prohibir a recualificación dos terreos e garantir a súa recuperación

  • O PSOE presenta unha Proposición de Lei para prohibir a recualificación dos terreos calcinados en incendios forestais
  • Os socialistas queren deixar sen efecto a normativa da Lei de Montes de 2015, aprobada polo PP, que permitía ás Comunidades Autónomas cambiar o uso dun espazo forestal calcinado dando pé á especulación urbanística
  • A Proposición de Lei do PSOE impón ás Comunidades a obrigación de garantir a restauración dos terreos forestais incendiados, e prohibe a recualificación deses espazos por polo menos 30 anos

Madrid, 20 de xullo de 2017.- O PSOE quere deixar sen efecto a normativa da Lei de Montes de 2015, aprobada polo Goberno do PP, pola que se permitía ás Comunidades Autónomas cambiar o uso legal dun terreo forestal calcinado, abrindo así a posibilidade a recalificar terreos queimados e fomentando a especulación urbanística que se viu vinculada a moitos dos maiores incendios que padeceu o noso país nos últimos anos.

A Lei de Montes de 2015 concitou entón o rexeitamento unánime dos diferentes colectivos sociais implicados na protección dos montes, propietarios, profesionais forestais e grupos de conservación, ao considerala unha auténtica ameaza para a protección dos nosos recursos forestais, xa que introducía a posibilidade de cambiar o uso dun espazo forestal calcinado antes dos 30 anos do seu incendio.

“Aquela reforma do PP supuxo un paso atrás moi importante respecto da regulación do ano 2006, que prohibía taxativamente o cambio de uso forestal dos terreos incendiados durante polo menos 30 anos, así como a realización de toda actividade incompatible coa rexeneración da zona queimada”, explica o portavoz do PSOE no Senado, Ander Gil.

A Proposición de Lei que o PSOE leva agora á Cámara Alta, consta dun artigo único que estipula a obrigación das Comunidades Autónomas de garantir as condicións para a restauración dos terreos forestais incendiados, prohibindo a súa recualificación polo menos durante os 30 anos seguintes ao incendio. Ademais, prohíbese expresamente toda actividade na zona incendiada que sexa incompatible coa rexeneración da mesma durante o período que nese caso determine a lexislación autonómica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *