O PSOE pide equiparar as condicións de xubilación dos bombeiros dos Parques Comarcais de Galicia

  • A iniciativa socialista pide que a estes profesionais se lles aplique a normativa que establece coeficiente reductor para xubilación anticipada por desenvolver traballos excepcionalmente perigosos, así como o desconto correspondente á cotización adicional á Seguridade Social
Rocío de Frutos

Madrid, 14 de xullo de 2017.- Os deputados socialistas galegos rexistraron no Congreso unha Proposición non de Lei coa que instan o Goberno a impulsar as medidas necesarias para que os traballadores que prestan servizos nas empresas privadas, nos parques comarcais xestionados polos consorcios públicos a través de xestión indirecta, queden incluídos no Real Decreto que establece coeficiente reductor para a xubilación anticipada para aqueles profesionais que desenvolven actividades de natureza excepcionalmente penosa, tóxica, perigosa ou insalubre.

A Proposición non de Lei socialista pide ademais que se impulsen as medidas precisas para que se aplique aos referidos traballadores o desconto correspondente á cotización adicional a fin de acceder no seu día á xubilación anticipada.

Rocío de Frutos: “non é xustificable a discriminación existente cos bombeiros que traballan nas empresas privadas que de maneira indirecta xestionan os parques públicos”

A portavoz socialista de emprego e deputada ourensá, Rocío de Frutos, explica que actualmente en Galicia a actividade de prevención e extinción de incendios realízase ou ben por bombeiros que desenvolven a súa actividade nos parques municipais de bombeiros, de xestión directa polos concellos, “pero tamén por outros bombeiros que prestan servizos en empresas privadas ás que lle foron adxudicadas a xestión de parques comarcais de bombeiros por parte de Consorcios”.

Respecto diso, defende que “os bombeiros dos parques comarcais de xestión pública de Galicia que actualmente non acceden aos coeficientes reductores están nunha clara situación de desigualdade que non se xustifica de forma algunha pois esa discriminación está baseada só nunha cuestión administrativa, segundo se a xestión dos devanditos parques é directa ou é indirecta a través de empresa privada”.

De Frutos incide en que “non existe ningún motivo para que os traballadores que prestan servizos de prevención e extinción de incendios queden excluídos da aplicación dos coeficientes reductores para a idade de xubilación”.

Neste sentido, sinala que “os coeficientes reductores e a posibilidade de anticipar a xubilación teñen a súa base no desempeño dunha actividade perigosa, e a natureza do traballo dos bombeiros que realizan a súa actividade nos parques municipais de bombeiros é exactamente a mesma que a dos bombeiros que prestan servizos en empresas privadas ás que se lles adxudicou a xestión de parques comarcais de bombeiros por parte de Consorcios”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *