Que vou votar no Congreso?

O pasado luns, 10 de outubro de 2016, levaba preparada para a miña intervención na Asamblea da miña Agrupación Municipal de Pontevedra, un texto que coido pode ser de interese publicar. Obviamente, a intervención non se corresponde exactamente co texto escrito, razóns de tempo e do “directo” provocan cambios inevitables, pero coido que non houbo desvíos sustantivos.

SOBRE A CONSULTA DIRECTA:

A consulta directa á militancia veu para quedarse. Para quedarse, pero creo que tamén para regularse. Sería fundamental que o próximo congreso debatira e resolvera isto con calma: ¿Qué cuestións deben resolverse coa consulta á militancia?

Para min é obvio que no serán todas. Non hai moito que falabamos do BREXIT como exemplo dunha cuestión que non estaba en condicións de ser sometida a referendum por parte dunha cidadanía que distaba moito de poder contar con todas as claves precisas para decantarse por unha opción.

Por outro lado, existen en política, e tamén nas políticas internas dos partidos, cuestións que precisan fondas deliberacións, aportacións argumentais, reflexións conxuntas, que non se poden reducir a unha pregunta de SÍ/NON.

Certo que tampouco vale o argumento de “non somos un partido asambleario” para tratar de negar ad aeternum a consulta directa. Pero, insisto, compre regular en qué ocasións debe utilizarse. Deixalo ao albur é perigoso, xa que se tendería a pedir consulta, como único criterio, cando se cre que se gaña e negala cando se cre que se perde.

SOBRE GALlCIA:

Apoio total a Xaquín Fernández Leiceaga. Non podemos dicir que é un diputado como outro calquera. Xaquín é, nin máis nin menos, o noso candidato á Xunta de Galicia designado por primarias. E, por certo, afirmar que cosechou os peores resultados da democracia só pode sosterse dende unha lóxica infantil, que só ve os números e non as circunstancias tan distintas e complexas respecto daquelas coas que se pretende facer a comparación. Por non falar de comportamentos de compañeiros e compañeiras en pre-campaña, e na propia campaña, absolutamente contrarios aos valores socialistas que se din defender, cando non dignos de expediente.

Tamén opino que debe darse toda a lexitimidade á actual xestora. Pronto virán os Congresos, de forma preceptiva. E as datas dos mesmos non están nas máns de Santiago, senón nas máns do Comité Federal, polo que non existe o perigo que anuncian os que pensan que a xestora galega dilataría sine día o proceso.

Eso sí, creo que debe anunciarse con rapidez o calendario congresual, tanto ao Congreso Federal como ao Congreso Nacional de Galicia.

SITUACIÓN ACTUAL – COMITÉ FEDERAL:

O procedemento foi bochornoso. O procedemento debera ser, ou ben moción de censura no Comité Federal, ou ben que a Executiva seguira exercendo como tal e votar os puntos da Orde do Día. A miña interpretación dos Estatutos coincide, punto por punto, coa realizada polo compañeiro Josep Borrell, mesmo a referencia ao “sargento chusquero”, que pronto degradou a “cabo”.

Creo que as actuacións amosan que está en xogo o modelo de partido que queremos. Semella que hai quen pretende un modelo confederal asentado no poder dos Secretarios Xerais Territoriais, os chámados “baróns”, e un Secretario Xeral debilitado cuxo papel quedaría limitado ao de Coordinador.

Pola contra, creo nunha Secretaría Federal fortalecida, que responda ao que dixemos ser, un partido con modelo federal para unha España Federal. Por este modelo afilieme, hai moitos anos, ao PSdeG-PSOE e non a un partido nacionalista de esquerdas.

NO CONGRESO:

Secundo como moitos compañeiros, moitos tan mentados últimamente como Borrell, ou como Odón Elorza que así o expón no seu blog, que a abstención é unha decisión estratéxica e valorable, tanto como a de “non é non”. Pero, especialmente, comparto con Odón a opinión de que esta posibilidade, a da abstención, debe levar implícita a búsqueda ata extenuación dun goberno alternativo, sen liñas berrnellas, falando con todos os grupos, sí, tamén cos nacionalistas. Sen medo. Somos o partido que vertebra España e iso non sei fai sen diálogo. E mesmo poder sinalar os culpables de que tal posibilidad non se poidera concretar. Creo, honestamente, que isto non se fixo da mellor maneira.

E aquí unha paréntese. Gregorio Cámara, por poñer un exemplo dun compañeiro ao que admiro, é un catedrático Constitucionalista da Universidade de Granada. Un reconocido experto que, entre outras moitas cousas, foi o encargado de redactar o recurso contra a LOMCE ao Constitucional. Un profesional de prestixio e un socialista de convicción e de corazón. Gregorio, ao igual que outros compañeiros e compañeiras, non cre que debamos ir a terceiras eleccións e non creo que poida ser tachado de indigno por ter unha posición propia que pode ser diferente daqueles que hoxendía semellan erixirse en xuíces e ditaminar quen é ou non é socialista.E digo isto porque hai twits, whatsapps e facebooks onde se indica que compañeiros que pensan distinto “deben recuperar a súa dignidade”. Mesmo, que a súa postura obedece a quentar o sillón e seguir cobrando. Gregorio, seino ben, perde cartos, e non poucos, estando no escaño. Porque él non está nin para quentar sillón nin para cobrar un soldo. Está por convicción, por ideoloxía, por socialista. E como él hai moitos e moitas. E é un orgullo para min compartir escanos con elas e eles.

Digo isto, porque gustaríame que recuperáramos o sosiego e a consideración. Que trocáramos a zona de disputa pola zona de debate respectuoso. Un sosiego e un respecto que é absolutamente compatible coa diferencia, coa confrontación honesta, coa recollida de firmas, coa diversidade de posicionamentos.

MEU VOTO NO CONGRESO:

Votar NON a Rajoy e o máximo desexo de calquera socialista, non vos conto daqueles que pasamos catro anos perdendo votación tras votación, vendo en directo o desmantelamento do Estado do Benestar e a implantación da desigualdade no noso país, producto da ideoloxía que non da crise.

Pero tamén creo que, fríamente, debense considerar as consecuencias dunhas terceiras eleccións que lle poideran dar a dereita, ao PP e ás súas “confluencias”, a posibilidade de gobernar en cuasi maioría absoluta durante catro anos máis, sen que os votos das forzas progresistas serviran para frear as súas desfeitas.

A decisión é moi complexa, como sempre que hai que escoller entre o malo e o peor. Pero, por certo, creo que os que defenden, con honestidade, unha ou outra postura son todos socialistas.

Oue votarei eu? Sempre defendín a disciplina de voto, e a miña decisión final irá nese sentido. Por certo, viñéronme tamén a convencer que tiña que rompela, curiosamente, persoas que hai moi pouco esixían ao grupo socialista no Parlamento de Galicia a disciplina de voto cando se decidía o senador autonómico.

Pode haber circunstancias extraordinarias, como por exemplo que se dea liberdade de voto, cousa que non creo que aconteza. O PSdeG tampouco é o PSC, e moito se lle ten recriminado ao PSC a posibilidade de votar distinto. Non creo que ninguén poida ver como positivo a rotura da disciplina de voto no Grupo Parlamentario Socialista.

Para rematar indicar que, sexa a decisión que se tome, compre facer pedagoxía da mesma, encadrala nun relato coherente e non deixar para mañá o Congreso Federal, coas súas correspondentes primarias, así como o de Galicia.

1 thought on “Que vou votar no Congreso?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *