Covid-19 vs Feijóo:
Solución ou Problema

Non é difícil albiscar a facilidade coa que o actual presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijóo, trata de poñerse na súa casaca, cara a cidadanía, medalla tras medalla en diversos e múltiples asuntos, teñan ou non que ver coa súa xestión ou coa dos seus conselleiros.

A actual crise provocada pola COVID-19 é un bo exemplo do que estamos a dicir. Feijóo saca peito día tras día duns resultados que pouco o nada teñen que ver coa súa xestión, cando non ofrece argumentos que, de tomalos en serio, o que provocarían sería o resultado contrario, isto é, a constatación dunha nefasta xestión da pandemia en Galicia.

Ten afirmado Feijóo con certa profusión, que a Xunta de Galicia foi quen de adiantarse a ver o que se nos viña encima na crise do coronavirus. De ser certo, non se entende como non se actuou con rapidez nas residencias da terceira idade ou na captación de recursos e equipamentos sanitarios, por poñer dous sinxelos exemplos. Cabería entón falar de neglixencia ou, cecáis mellor, calificar ao presidente da Xunta como bo exemplo dun “falabarato”.

Gonzalo Caballero, o secretario xeral do PSdeG-PSOE e candidato á presidencia da Xunta de Galicia, ten amosado con datos obxectivos, as falsidades argumentais de Núñez Feijóo no referente á xestión da pandemia, basta con seguir a súa conta de Twitter (@G_Caballero_M) para ter boa conta delas, pero aquí quero referirme a unha das súas frases que creo reflicten ben ás claras o que está a acontecer na nosa terra:

Feijóo foi un problema e non unha solución

Gonzalo Caballero

Nada máis certo. Certamente, fronte aos espaventos do actual presidente da Xunta, compre analisar o que significaría entender que Feijóo representa a solución da crise sanitaria na que estamos envoltos e que tanto sofrimento está a causar.

Que Feijóo fora a solución implicaría aceptar como boa xestión os recortes en persoal sanitario (médicos, enfermeiras,…).

Que Feijóo fora a solución implicaría aceptar como boa xestión os recortes orzamentarios aos que foi sometido o Sistema Sanitario Público.

Que Feijóo fora a solución implicaría aceptar como boa xestión a progresiva privatización do modelo sanitario galego en detrimento do público.

Que Feijóo fora a solución implicaría aceptar como boa xestión o peche de centros sanitarios ou de certas especialidades médicas, sirva Verín como exemplo.

En resumo, que Feijóo fora a solución implicaría aceptar “polbo como animal de compañía”.

Porque, se algo está a demostrar esta pandemia provocada pola COVID-19, é a necesidade dun fortalecido e potente Sistema Sanitario Público, Universal e Gratuito que é o garante de que toda a poboación conte cos recursos indispensables que atendan as súas necesidades sanitarias. Un Sistema Sanitario Público, Universal e Gratuito eficaz, eficiente e de excelencia. Algo que está nas antípodas da ideoloxía de Núñez Feijóo e, por suposto, da súa xestión.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.