A finais do mes de maio chegaba ás miñas mans, todavía coa tinta fresca, o último libro publicado por Xoaquín Fernández Leiceaga: “O país do porvir”. Un libro que, por misteriosas razóns, desapareceu da miña vista, interrumpindo así a súa lectura, e non foi ata hai uns días que o volvín a atopar, por suposto onde non debía estar.
Compartín con Xoaquín seis anos no Parlamento de Galicia e ben sei do seu compromiso intelectual con Galicia e do seu fondo coñecemento da economía do noso país, sendo así que é un dos economistas máis reputados e respetados da nosa terra. Todo un luxo para aqueles que seguimos gozando da súa amizade e sabedoría.
“O país do porvir” resulta un libro rigoroso e denso no seu centenar de páxinas. Un texto que resulta convinte ler á maneira de George Steiner, “cun lápis na man”, o que permitirá sacarlle un mellor partido, nomeadamente nesas segundas lecturas nas que xa imos directamente a revisar aspectos concretos do libro. Teño que engadir tamén que se notan os anos de docencia universitaria de Xoaquín, o que fai que aqueles que non somos economistas poidamos ler o seu libro cun notable grao de comprensión.
“O atraso económico de Galicia”, de X.M. Beiras, serve a Xoaquín de punto de partida para proceder a derrubar mitos económicos que quedaron instalados en amplos sectores da intelectualidade do noso país –o mito do atraso-, pero que non se correspondían, xa daquela, cun análise rigoroso dos distintos parámetros que conformaban e conforman o marco económico galego.
A partir de ahí, Leiceaga analisa punto a punto temas cruciais que están hoxe no debate permanente, non só dos economistas, senón no conxunto da sociedade. Así, por exemplo:
- A cuestión demográfica. Apartado que sorprenderá a mái dun, xa que non é doado atopar análises que amosen os elementos de positividade que poido aportar un aspecto que sempre se observa en sentido exclusivamente negativo.
- O sistema de pensións, no que sinala -ao igual que o actual ministro Escrivá- que tomando medidas sensatas non presenta perigo de colapsar, como continuamente aseveran sectores interesados. Ademáis, por suposto, de detallar o panorama das pensións en Galicia respecto do conxunto de España.
- O Esixo Atlántico fronte a Galicia despoboada. Unha Galicia policéntrica arredor da AP-9 en contraste co despoboamento da Galicia agrogandeira e de montaña. A necesaria modificación da Lei de Administración Local de Galicia asumindo que a actual división provincial e a comarcalización carecen de sentido, tendo que apostar polas cidades como nodo do sistema.
- A encrucillada autonómica. Que parte dun modelo fraguiano de poucas revolucións fronte aos sectores nacionalistas, que non cren nas autonomías, e os socialistas, que refúxianse demasiado tempo no localismo, polo que na práctica, e durante demasiado tempo, non se formula ningún proxecto alternativo dende Galicia. Un modelo autonómico cuxa reformulación debera articularse arredor da equidade entre territorios, razón pola cal é preciso tecer alianzas.
- A transición a un novo modelo produtivo que virá dado en base a tres cambios de fondo: a globalización, o cambio tecnolóxico e a descarbonización. Un capítulo onde ponse de relevo aqueles factores onde cómpre actuar con prioridade.
Estamos pois ante unha obra que, partindo da análise da nosa realidade actual, sinala tanto os camiños a seguir como a necesidade dun compromiso continuo co control da eficiencia dos mesmos, para así perfilar un modelo de éxito. A tarefa é urxente, pero tamén é posible.
En resumo, creo que estamos ante unha obra de obrigada lectura para quen pretenda participar nese proxecto de futuro, nese país do porvir, que é Galicia.
Unha resposta en “Galicia: “O país do porvir””
Un texto de máxima actualidad que confirma la cualificación de nuestro partido.