A preposición latina “versus” tiña orixinalmente a significación de “cara a”, pero, a través da linguaxe xurídica inglesa, adoptou, xa dende o século XV, a significación de “contra”. A utilización desta partícula no titular desta entrega creo que reflicte ben a dobre relación entre caridade e xustiza que presenta a recente aprobación do Ingreso Mínimo Vital (IMV) no Congreso de Diputados.
Porque sen dúbida, a aprobación do IMV representa a vontade do actual goberno de transitar dun país da caridade e a beneficencia “cara á” xustiza e o dereito. E, xa que logo, implementar políticas baseadas na xustiza social, no dereito e na dignidade “contra” aquelas que se amparaban na caridade, na beneficencia e na dádiva. Cobran así sentido estas palabras do actual Presidente do Goberno:
Cumprimos coa demanda de xustiza social da ciudadanía, particularmente, daqueles que están sufrindo con máis contundencia os efectos do parón da actividade económica
Pedro Sánchez
A dereita ideolóxica ten calificado o IMV de forma despectiva como “a paguiña”, “paraíso comunista” ou “cartilla de racionamiento”. Un desprezo que, por coherencia argumental, entendo que farán extensivo ás “paguiñas” que comparten o carácter non contributivo desta prestación (pensións non contributivas de invalidez ou xubilación, subsidios de desemprego, os complementos a mínimos de pensións contributivas,…).
O certo é que foron os partidos progresistas que apoian ao Goberno, PSOE e UNIDAS PODEMOS, os que introduciron nos seus programas electorais este concepto que hoxe, no Congreso, quedou convalidado baixo a denominación de Ingreso Mínimo Vital. A súa tramitación como Proxecto de Lei permitirá a mellora do texto se así se considera.
Os beneficiarios desta medida, según os cálculos do goberno, serán 2,3 millóns de persoas, 850.000 familias das que a metade contan cunha renda inferior a 310 €/mes e cun coste estimado en 3.000 millóns de euros. Unha medida que conta aos fogares con fillos como grandes beneficiados, máis do 30% dos favorecidos son menores de idade que viven nestas familias.
Hai moitas e variadas liñas argumentais contra o IMV, poderiamos citar, entre outras, as referidas á insuficiencia da súa cobertura, ás necesidades dun maior control, aos posibles efectos chamada, ou á desincentivación na procura de emprego. Todas elas son aducidas por aqueles que, cando tiveron ocasión, preferiron seguir baseando as súas políticas na beneficencia e na caridade como método.
Por suposto que o IMV é un modelo perfectible, que a súa aplicación amosara as súas fortalezas e debilidades, que o seguimento e control dos distintos indicadores marcarán o camiño das remodelacións que se estimen necesarias, cuestións todas elas que en ningún caso invalidan a posta en marcha dunha medida histórica, que pretende que ninguén se quede atrás e vital para frear e reducir a pobreza, nomeadamente a pobreza infantil.
Debo sinalar tamén que a cuestión do IMV está a provocar unha saudable eclosión de debates, de análisis e de estudos arredor desta cuestión. Distintos modelos, distintas denominacións (ingreso mínimo vital, renda básica universal, renda mínima de inserción, Riendas de último recurso,…), que contribuirán a modelar un sistema cada vez máis xusto socialmente. En todo caso, un posible mellor modelo de futuro non debe servir de escusa para impedir a posta en marcha do modelo actualmente aprobado e tan socialmente necesario.
Sen dúbida algunha, a convalidación hoxe no Congreso deste Real Decreto–ley 20/2020, de 29 de maio, polo que se estabrece o ingreso mínimo vital, fainos un país mellor.