VOX, Míster Sequah cabalga de novo

Os que, pola nosa idade, forxamos gran parte da nosa cultura cinematográfica a base de ver películas do “Far-West”, ata en longas sesións continuas nos cines de barrio, acordarémosnos que un dos personaxes que adoitaban aparecer nelas era o do curandeiro-charlatán vendendo potingues milagreiros cos que prometían curar toda clase de mal. Curiosos personaxes moitas veces apoiados en “ganchos” e que, en base á súa grande locuacidade, persuasión e enganos, conseguían vender inicialmente una boa dose das súas brebaxes “curalotodo”, cal moderno “Bálsamo de Fierabrás”.

Desgraciadamente para eles, logo dun fugaz éxito inicial, e descuberta a fraude, adoitaban acabar cos seus ósos fora do pobo e co carromato esnaquizado pola mesma xente que inicialmente recorría aos beneficios do suposto milagre.

O que eu non sabía era que tamén no noso país apareceran este tipo de personaxes. Así -segundo puiden ler nun curioso artigo publicado polo Diario de Mallorca fai uns cinco anos-, no ano 1892 instalouse en Mallorca o carromato de Míster Sequah e o seu aceite milagreiro, do cal os romances da época dicían, entre outras cousas, o seguinte:

“A su coche acuden pobres / y  con las manos benditas / les quita el dolor reumático / y les da noches bonitas”

Mr. Sequah nin sequera era unha persoa, era unha marca inventada por Willian Henry Hartley, quen abandonara os seus estudos de medicina para se converter en charlatán, e tiña “franquiciados” en Sabadell, Irlanda ou Mallorca vendendo o seu aceite milagreiro nun carromato semellante a aqueles dos vellos “westerns”, con escenas do afastado Oeste pintadas nos laterais.

Aquél artigo do Diario de Mallorca finalizaba coa seguinte frase: “Máis dun século despois, os  charlatáns xa non se anuncian con romances, pero lles escoitamos a diario na radio e na televisión”.

Proféticas palabras sen dúbida que, nos tempos que corren, non podo menos que enlazar co que ocorre con VOX e os seus mediáticos e ascendentes líderes. Cambiando os antigos romances por modernos “tuits”, as soflamas desta formación política de ultradereita tratan de embaucar a unha parte do electorado cun discurso plagado de falsidades nos datos, retorcendo os argumentos ata a extenuación e pervertindo os valores que conseguiron conformar a mellor época de paz, xustiza e solidariedade en España e en Europa.

Só podo agardar que o seu “éxito” sexa o mesmo que o daqueles curandeiros-charlatáns das películas que adoitabamos ver de pequenos. Por certo, quen queira ver o artigo aparecido no Diario de Mallorca sobre Míster Sequah non ten máis que facer click “aquí”.

Para rematar, e como xa teño comentado en anteriores artigos, non me esquezo de que moita da culpa de que non sexan poucos os que acoden en busca do ansiado “aceite milagreiro” estriba na súa sensación de seren esquecidos por aqueles que deben -debemos- darlle una resposta positiva ante a crise pola que estamos a atravesar. Unha crise que non é outra cousa que unha máquina de crear máis e máis desigualdade, rompendo ese Pacto Social ao que tanto gusta referirse Antón Costas e ao que xa me teño referido neste outro artigo: “Populismo político vs. populismo económico”.

Grazas por compartilo nas túas redes:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.